martes, 21 de abril de 2009

A NOITE QUE WENDY APRENDEU A VOAR, Andreu Martín


Na vindeira reunión do grupo de lectura de 4º imos comentar a novela A noite que Wendy aprendeu a voar de Andreu Martín (prolífico escritor de obras tan coñecidas como as protagonizadas por un dectective adolescente: Flanagan).

Esta obra, gañadora do XI Premio Bancaixa de Literatura Xuvenil, comeza cando Roger Dueso e Wendy Aguilar, policías de Barcelona, reciben un aviso dun código 60: un asasinato. Recaerá sobre Wendy a resolución deste caso que nos levará cun ritmo trepidante por diferentes escenarios da noite barcelonesa, relacionando esta morte coa orde secreta dos Illuminati. A ninguén deixará indiferente esta historia de loita pola vida, morte, arte e, por suposto, amor.

2 comentarios:

  1. A min gustoume moito esta novela. Pode considerarse unha novela de xénero, unha de detectives... pero é máis. Supón o enfrontamento coa miseria humana (a súa ansia de poder e destacar, ese deixarse levar pola superficialidade...) pero tamén presenta a grandeza, a valentía. O personaxe de Wendy bicando sapos antes de atopar o príncipe, mentres o decorado se enche dunha megacidade na que tamén hai lumpen e nenas que deben sobrevivir e incluso salvar ás propias nais, e neste tempo aparecen os restos de nazismo e contrabandistas dispostos a negociar con todo o habido e por haber.

    ResponderEliminar
  2. Ao grupo de 4º tamén lle gustou moito esta obra curta, intensa e emocionante na que a protagonista comeza esa noite afundida no desengano e empequenecida polo rexeitamento, e remata a novela con valentía, decisión e comprendendo que hai que "bicar moitos sapos antes de atopar o príncipe azul". Esta foi a frase que máis aceptación tivo entre as lectoras. Eu non me atrevín a desenganalas dicíndolles que os príncipes azuis só existen nos contos. ;-)

    ResponderEliminar