martes, 5 de mayo de 2009

O CLUB DE ADULTOS ESTÁ DE ESTREA

Xa case para rematar o curso os membros do Club de lectura de adultos embarcámonos nunha sesión doble, ao estilo das antigas sesións contínuas do cine da nosa infancia.
Escollemos desta vez dúas obras ben diferentes, de autores consagrados e premiados e que nos trasladarán a lugares lonxanos e exóticos tanto polos continentes nos que se desenvolven coma polas situacións e vivencias dos seus protagonistas:

"Durante moito tempo imaxinei que miña nai era negra. Inventara unha historia, un pasado, para fuxir da realidade, ao meu regreso desde África a Francia, onde non coñecía a ninguén, onde me convertera nun extranxeiro. Máis tarde descubrín, cando meu pai volveu a vivir con nós en Francia, que o africano era el. Foi difícil admitilo. Debín retroceder, recomenzar, tratar de comprender. En recordo de todo iso escribín El africano.


"En Toquio, no tempo que vai da medianoite ao mencer, inícianse e remátanse as historias desta novela. No seu centro, dúas irmás: Eri, ensumida no sono do esquecemento, e Mari, a lectora solitaria. Cabo delas, un mozo trombonista de jazz, as empregadas dun love hotel e un frío e escuro executivo. Xente da noite, vidas que conflúen, segredos descubertos e preguntas que ás veces non precisan resposta."

Dúas lecturas que prometen emocións e longos e cativadores debates para os que tentaremos estrear o noso foro Moodle.

Non abandonaremos as nosas deliciosas reunións de café e libros, iso non, pero si probaremos esta nova ferramenta que nos permitirá falar dos libros e de todo o que nos fagan sentir e pensar.
Atentos todos, e sobre todo aqueles aos que lles resulta máis difícil acudir ás reunións presenciais!
Para acceder ao noso foro debedes pinchar neste enderezo http://centros.edu.xunta.es/cpisanvicente/moodle/ e acceder coas claves que vos asignaremos cando veñades pola biblioteca.
Novas ferramentas, novas formas de comunicación, novas tecnoloxías,
... quen dixo medo?

4 comentarios:

  1. Rematadas as dúas lecturas chega o momento da valoración. Murakami xa hai tempo que me ten namorada, non podo (nin quero) ser obxectiva. O seu mundo onírico resúltame fascinante e sorprendentemente próximo. Recoméndovos dúas obras: Kafka en la orilla e Tokyo Blues.
    Le Clézio é toda unha descuberta. Gustoume moito a súa sensibilidade narrativa,a evocación do paraíso perdido da infancia, a fuxida do exotismo na presentación de África, o tratamento do personaxe do pai... Agora a ler as súas novelas!

    ResponderEliminar
  2. Eu non digo medo, pero aínda me teño que informar antes de utilizar o foro de discusión, como invitado, con clave. Mañán falamos diso.
    Agora Murakami. Un gran sí á elección do libro. Gustoume, pero sobre todo sorprendeume (gratamente).
    Recrea os ambientes dun xeito que te achega ao que alí sucede coma de puntillas, sin perder detalle. Non é unha novela na que te preguntes moito por como acaba, vas indo, vaite levando. A mín o que me intrigaba mentras lía era que tería pasado antes desa noite. Non sei si me explico. Un acerto. Agora empezarei con Le Clézio, en francés, tamén promete.

    ResponderEliminar
  3. Ben, eu andaba a esperar por se estreabamos o foro de Moodle para deixar o meu comentario pero, non son datas estas para andar con lerias novas así que, deixarémos a estrea para o curso que ven.
    Ambos os dous libros foron unha descuberta para min:
    El Africano por esa crónica tan crúa e real da África colonial, desa infancia entre dous mundos e dese pai endurecido por unha profesión durísima e unha soidade forzosa que o facía sentirse "encerrado" en África.
    Tras do solpor porque supuxo un reto para min acercarme a Murakami despois dunha desagradable experiencia previa con "Kafka en la orilla". Encantoume a súa orixinalidade, ese xeito de narrar intencionadamente "cinematográfico", eses personaxes marcados pola noite e o soño... Tal vez me sobraron esas esceas surrealistas da irmá durmida dentro da tele pero a recompensa foi a tenra imaxe final, o reencontro onirico das dúas irmás.
    Pronto falaremos todos en vivo e tomaremos un viño para brindar polas moitas lecturas que nos uniron durante este curso que remata e polas que están por vir... ;)

    ResponderEliminar
  4. Tócame falar do 2º libro, do de Le Clézio. Moito me temo que non me gustou, nadiña!(ou case). Está claro que formo parte dunha minoría, teño entendido que vos encantou a todos. O capítulo dos insectos, que oín alabar, a mín resuloume mortal. A pesar de nos contar moitas cousas e con detalle, non me resulta nada cercano. Co que a mín me atrae ese continente, e non fun capaz de entusiarmarme con esas descripcións tan pouco coloristas (coma un reflexo das fotos, que xa sei, serán as orixinais e terán que ser así). Probablemente esperaba eu outra cousa e non sexa este un estilo que me atraia. Tamén teño que dicir que o formato do libro (alomenos a versión francesa) non axuda moito: pequeno, estreito, letra miuda.
    Enfín non deixarei esto así, unha opinión tan negativa. Houbo algún que outro fragmento que non me disgustou de todo (que presuntuoso soa esto!), o que atañe ás festas por exemplo (será que son eu moi festeira).
    E agora toca despedirse, pero como xa vos vexo mañá ...

    ResponderEliminar