martes, 14 de diciembre de 2010

El sueño del celta, Vargas LLosa

    Acabamos de ler El sueño del celta,  a novela de Vargas LLosa sobre Roger Casement, personaxe histórico sobre o cal se documentou profusamente. Segundo o autor , o protagonista é " un dos grandes loitadores anticolonialistas e defensores dos dereitos humanos e das culturas indíxenas do seu tempo e un sacrificado combatente pola liberación de Irlanda."
    Dividido en 3 partes, na 1ª conta como un xove Casement remonta o río Congo en 1903, nunha viaxe que lle cambiaría a vida, redactando como cónsul británico un informe no que detalla o xenocidio dos indíxenas no chamado Congo Belga, por ser explotado polo Rei belga Leopoldo II, baixo a aquiescencia do resto de potencias europeas. Nesta viaxe coñece a Conrad, e atribúe o mal estado de saúde do escritor " non ás desgrazas físicas que se encarnizaron con el, senón á corrupción moral, a corrupción da alma que invade todo o país" que describiría en O corazon do negror. A diferenza está en que esta novela é unha parábola segundo a cal África volve bárbaros aos civilizados europeos mentres que o Informe sobre o Congo de Casement amosa o contrario: que fomos os europeos os que levamos alá as peores barbaries.
    Na 2ª parte, o protagonista avalado polo seu gran prestixio, é enviado á Amazonia para denunciar a explotación dos indíxenas peruanos que son dezmados pola extración de caucho. Repítense os horrores presenciados no Congo ante a total pasividade das autoridades.
    Nestas viaxes toma conciencia do via crucis dos pobos colonizados: "A situación de Irlanda lle doía como nunca antes (....) trataría de convencer aos irlandeses de que se querían a liberdade terían que conquistala con arroxo e sacrificio". Na 3ª parte implícase na loita pola súa patria, feito que lle acarrea ser tratado de traidor, motivo das reflexións do protagonista xa na 1ª páxina na que repasa a súa vida desde o cárcere.
Estas lecturas pódense completar con Sete casas en Francia , de Bernardo Atxaga, editada por Factoría K,nunha espléndida tradución, ao igual que a obra antes recomendada de Conrad.
  Atxaga inicia a súa obra tamén en 1903, ano en que Chrysostome Liege asina un contrato para servir ao rei Leopoldo na Force Publique no Congo. A súa chegada provoca un cambio substancial no estado das cousas ...De lectura trepidante, cunha mistura de humor negro e sarcasmo, os libros de Atxaga nunca decepcionan.
Estas 3 obras arriba comentadas están na biblio á vosa disposición. Se a alguén lle interesa saber algo máis sobre o colonialismo español ...(si , houbo...a nós tocounos Guinea Ecuatorial na Conferencia de Berlín de 1884) hai un ensaio apaixonante: Un guardia civil en la selva, de Gustau Nerín . O garda civil Julián Ayala é encargado de explotar o país dezmando á poboación. No franquismo continúa a situación grazas a Víctor Suances, alcumado "o que asa" pola súa afección a queimar aos nativos...

2 comentarios:

  1. Ola, xa vexo que estades todos de vacacións, aproveito para felicitarvos o ano. Quixen facer unha nova entrada no foro, sobre "El sueño del celta", pero non fun quen de facelo. Espero polo tanto á volta e a que esté aberto o foro para facervos saber a miña opinión. Ata pronto!

    ResponderEliminar