domingo, 26 de octubre de 2008

A METAMORFOSE DE GRÉGOR


O pasado mércores reunímonos os lectores do grupo de cuarto de ESO. A nosa primeira lectura deste curso é
A metamorfose de Franz Kafka. Neste breve relato asistimos ao estupor de Grégor Samsa, viaxante de tecidos, cando unha mañá esperta e comproba que se transformou en coleóptero, quizais unha cascuda ou un escaravello. A súa gran preocupación é que perderá o tren que ten que coller e porá en perigo o seu traballo. Samsa vive cos pais e unha irmá, aos que mantén co seu soldo. Ante esta nova situación comezan os problemas coa súa familia.

Son moitísimas as interpretacións que se fixeron deste relato de Kafka. Na reunión falamos do egoísmo que mostran os pais e, pouco a pouco tamén a irmá, ante o caso de Grégor. Agora son eles quen teñen que manter economicamente o fogar e mostran un evidente rexeitamento polo seu fillo e irmán, ata deixalo morrer.
Na vindeira reunión remataremos os comentarios sobre esta obra tan cargada de interpretacións e sentidos.
Picando na imaxe inferior podedes ver e descargar a curtametraxe (de 20 minutos, en branco e negro) que o cineasta galego Fran Estévez realizou baseándose na obra de Kafka. Foi rodada en Vigo e estreada en xuño do 2004. Céntrase na relación de Grete co seu irmán, dende o punto de vista do protagonista.

2 comentarios:

  1. Noraboa polo blog! E gracias por falar da curta.
    Fran Estévez.

    ResponderEliminar
  2. Un pracer! Grazas pola visita. Un bico dende A Baña.

    ResponderEliminar